28 de outubro de 2010

Roteiro à Fraga da Marronda o 30 de outobro

O próximo sábado dia 30 de outubro, co-organizaremos junto a AMAL (Agrupaçom de Montanha Águas Limpas, o roteiro pola Fraga da Marronda no Concelho de Baleira, Comarca de Burom. Depois de que fosse adiado no mês de agosto preferimos agardar ao outono para retomar esta actividade tendo em conta a fermosura desta fraga nesta época do ano. Quem queira vir deve avisar antes do dia 28 de outubro (no correio madialeva.gz@gmail ou bem no local sito na Rua Manuel Amor Meilám 18 res-do-chao). Combina-se às 8h30 no centro social. Há que levar bocata para o jantar.

A Fraga da Marronda, situada entre as entidades de Branha, Mendreiras, Martím e a estrada que une O Cádavo com Martím, é considerada a mai de todos os bosques de Baleira que, junto com outros bosques do município como son os de Freixido, Bosque do Eo, Monte Grande e Carvalhal, Bosque da Lastra e Bosque de Córneas entre outros, conformam umha extensom de mais de 30 quilómetros quadrados de bosque. A Fraga de A Marronda, cumha extensom de 1.239 Ha. constitue um magnífico exemplo de bosque autóctone Galego que aliás conserva um excepcional estado de conservaçom.

A Marronda é um exemplo excepcional de bosque autóctone galego entre as aldeas de A Branha, Fórneas, Mendreiras, O Real e Martím.

Numha zona de meia montanha, com valores altitudinais comprendidos entre os 450 e os 925m medra esta vigorosa e atractiva massa natural na que podemos atopar numerosas especies tanto vegetais como animais.

Som protagonistas da diversidade vegetal as faias, os castinheiros, os carbalhos, as abeleiras, os azevinhos, os cancereijos, os salgueiros, os sanguinhos, as hedras, os tojos, as gestas, os fentos, os arandos, as silvas, os líquens, os mofos, etc.

Entre os representantes da variedade faunística figuram o javali, o corço, o raposo, a gineta, a doninha, o esquío, o azor, o gabián, a águia caudal, o corvo, a perdiz, o cuco, a bubela, o morcego, o porco-espinho, as formigas, os vagalumes, as lesmas ou os vermes e ácaros do solo florestal.

Esta impressionante fraga é ademais um tesouro paisagístico e visual que nós agasalha estampas cambiantes com as estaçons. Enquanto o verde intenso da clorofila das folhas domina todo na primavera e no verao, o amarelo da capa subjacente de pigmentos aparece ao descuberto no outono e o frío penetra nas polas núas do inverno que amencem brancas quando a neve acanda estas latitudes.

16 de outubro de 2010

Roteiro e magosto o sábado, día 30 de outubro no Courel

A plataforma Galiza nom se vende e a Asociaçom SOS Courel, convídanvos a um roteiro e um magusto que terám lugar o sábado, 30 de outubro, no Courel.

Só tedes que avisar de cantos/as vides para calcular o vinho e as castanhas que necesitamos.

PROGRAMA:

- Ata as 11:00 concentración dos participantes do roteiro no desvío de Ferreirós de Arriba, na estrada principal do Courel, a LU -651, entre os quilómetros 27 e 28. Este punto está a un quilómetro de Ferreirós de Abaixo(Bar Pontón). Pódese aparcar abundantemente no campo de fútbol que está a 200 metros do desvío.

- O roteiro, comeza as 11:00, ten un percorrido circular de 10 quilómetros, cunha dificultade media baixa, salvo o quilómetro de subida o corno do Pico do Côto que ten algo de pendente, pero teremos moito tempo para chegar por un amplo camiño, mentres os heroes/ oinas esperan abraiados, no cumio, ollando dende o medio e medio do courel. Logo, paseniño, polo Muimento, iremos baixando cara Ferreirós de Arriba, e despois Ferreirós de Abaixo.

- Será a primeira vez que unha camiñada de lecer chega a esta marabillosa e sorprendente atalaia. Entre o Piapaxaro, Ferreirós, Folgoso e Sobredo

- Na seguinte foto podemos ver o corno do Pico do Côto, o desvío de Ferreirós(na escombreira) e o Campo de fútbol. Non teñades mágoa, hoxe xa volve estar verde e fermoso!

Clica aquí

- Ás 16:30, En Ferreirós de abaixo, preto do bar O Pontón, empezarase a facer o lume e asar as castañas, mentres os colectivos celebran a asemblea de Galiza non se vende.

- Acordádevos de traer gaitas, tambores, pandeiros,…..

- Traede auga e bocadiño para o xantar, na mochila

- Tamén podedes meter unhas luvas na mochila por si se nos ocorre algún traballo divertido.

- Para xente que se quede toda a fin de semana prepararemos máis rutas e visitas.

- Estes son os teléfonos dos establecementos

Clica aquí

Se non hai aloxamento habilitaremos sitio para durmir no chan.

8 de outubro de 2010

AMAL apoia o manifesto lanzado polo movimento ecologista galego: DEZ RAZÓNS PARA PECHAR AS TÉRMICAS DE CARBÓN

Manifesto:

DEZ RAZÓNS PARA PECHAR AS TÉRMICAS DE CARBÓN

As organizacións e persoas asinantes opómonos ao decreto estatal que favorece a queima de carbón español nas centrais térmicas, mais non porque prexudique as centrais de Meirama (GAS NATURAL FENSOSA) e As Pontes (ENDESA), que usan só carbón importado desde 2008. Rexeitámolo porque o carbón é o combustible fósil máis contaminante, o primeiro que habería que substituír. Por iso, non queremos en ningún lugar centrais térmicas que xeren electricidade sucia a partir de carbón. En Galicia tampouco. Eis dez boas razóns para pechar canto antes as centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama:

1. Son enormes fábricas de cambio climático. Con moita diferenza, son as centrais eléctricas máis intensivas en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante da mudanza climática, o problema socioambiental global máis preocupante, do que Galicia tampouco se libra. Durante 2009 emitiron 0,9 toneladas de CO2 por MWh de electricidade xerado, dúas veces e media máis que as centrais de ciclo combinado. O uso exclusivo de carbón de importación a partir de 2008, logo do esgotamento das minas situadas ao seu pé, diminuiu as emisións directas un 13%, pero incrementou as indirectas debidas ao transporte do carbón.

2. Incrementan a débeda de carbono. Unha débeda ignorada e non recoñecida, que contraemos cos países empobrecidos polo noso exceso de emisións de CO2 e outros gases causantes da crise climática, que ameaza sobre todo aos países máis desfavorecidos. As emisións anuais por habitante de Galicia (10,6 toneladas en 2008) son insustentables e moi superiores ás emisións medias mundiais. Durante 2008, último ano para o que hai datos oficiais, case o 25 % das emisións galegas procederon da xeración de electricidade con carbón, que foi a maior fonte de todas.

3. A minería de carbón pode ser moi destrutiva. A extracción de lignito nas minas das Pontes e de Meirama ten provocado un impacto brutal. Agora estamos a externalizar esa destrución, trasladándoa a países como Indonesia, un dos estados do mundo máis ricos en diversidade biolóxica.

4. Elevan a pegada ecolóxica. Coma o resto dos países chamados desenvolvidos, Galicia consome recursos naturais e xera residuos moi por riba do que lle correspondería pola súa poboación, axudando a exceder a biocapacidade renovable do planeta. A iso contribúen de xeito moi destacado as emisións de CO2 das centrais térmicas de carbón, parte de cuxa produción expórtase ao resto da Península Ibérica, co cal estamos a “importar” emisións de CO2 e outros impactos asociados ao consumo eléctrico fóra de Galicia.

5. Deterioran a calidade do aire. A pesar da diminución das emisións atmosféricas como resultado do uso de carbón de importación menos contaminante, non debemos perder de vista que as centrais térmicas de carbón seguen sendo as principais fontes en Galicia para varios contaminantes diferentes do CO2 con efectos a escala local. Durante 2009 superáronse valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para concentracións no aire de dous dos principais contaminantes nas áreas de influencia destas centrais: ozono troposférico (As Pontes) e partículas (Meirama).

6. A descarga e o transporte do carbón degradan o ambiente. Minimizar a exposición da poboación ás molestias asociadas á descarga do carbón para as térmicas foi un dos principais motivos invocados para a construción dos impactantes e custosísimos portos exteriores de Ferrol e A Coruña (separados a penas 17 km). A descarga do carbón en porto, e o seu transporte até as centrais (en camións, no caso das Pontes) xera contaminación atmosférica e acústica. A pesar da construción da “Medusa” no porto da Coruña para minimizar o impacto no aire das descargas de carbón, no barrio próximo dos Castros superouse durante 2009 o valor medio anual de presenza de partículas no aire recomendado pola OMS.

7. Acentúan a dependencia enerxética externa. Galicia depende moitísimo da importación de materias primas enerxéticas (máis do 99% destas son combustibles fósiles: carbón, petróleo e gas natural). Esta dependencia enerxética externa acentouse aínda máis desde que as térmicas usan só carbón de importación, pasando do 77,3% da enerxía primaria en 2007 ao 86,2% en 2008.

8. Son moi ineficientes. As centrais térmicas de carbón, responsables dun 15% do consumo de enerxía primaria en 2008, presentan un rendemento de tan só o 37% na transformación da enerxía primaria do carbón en electricidade. É dicir, consomen en forma de carbón perto de tres veces máis enerxía da que obteñen en forma de electricidade. Substituír totalmente a electricidade do carbón por electricidade renovable, ou incluso pola procedente de ciclos combinados a gas natural (cun rendemento do 50%), suporía un importante aforro de enerxía primaria.

9. Son innecesarias para atender o consumo eléctrico galego. As mudanzas operadas no “mix eléctrico” galego durante os últimos anos (crecemento da eólica, ciclos combinados) fixo que durante 2009 a electricidade xerada polas térmicas de carbón (7.433 GWh) fose só un pouco superior á exportada a Portugal e ao resto do Estado español (6.760 GWh). Para satisfacer só o consumo eléctrico galego, hoxe estariamos en condicións de prescindir a curto prazo das térmicas de carbón.

10. É mellor un modelo enerxético sen carbón. Se non se parte de visións condicionadas por intereses particulares e a curto prazo, estamos convencidos de que a opción enerxética máis vantaxosa desde o punto de vista social e ambiental é decrecer o consumo de enerxía e expandir as renovables de xeito respectuoso co territorio, de forma que poidamos prescindir canto antes dos combustibles fósiles, comezando polo máis sucio, o carbón. Canto maior sexa a achega do carbón, máis sucia e máis ineficiente será a produción de electricidade.

Se aspiramos realmente a unha Galicia sustentable e solidaria, non se pode defender calquera actividade económica e o emprego polo emprego, independentemente das consecuencias socioambientais a escala galega e global, e a curto e a longo prazo. Por suposto, é necesario considerar os prexuízos sociais que conlevaría o peche definitivo das térmicas de carbón e encaralos eficazmente a través de medidas de protección social, de formación e de xeración de alternativas sustentables de emprego. Estamos certos de que unha transición -xusta para os traballadores e traballadoras e para as comarcas afectadas negativamente- cara a un modelo enerxético sustentable, baseado no aforro e nas renovables, suporía grandes beneficios para o conxunto da sociedade, tamén no eido do emprego. Os intereses de dúas multinacionais enerxéticas, ou uns centos de empregos, non deberían ser un impedimento para pechar as industrias galegas máis insustentables.

Galiza, outubro de 2010

6 de outubro de 2010

(actualizaçom) III Acampamento de montanha em Forcarei


Conhecimento e defesa da Terra, formaçom ecologista, soberania alimentar, anti-capitalismo e anti-consumo, lazer e natureza

Este é a terceira ediçom do Acampamento de Montanha. Neste 2010 organizamos três jornadas de acampamento. Na linha que vimos defendendo de AMAL, tentamos que os encontros sirvam para conhecer directamente a Terra e livrar-nos da ignorância que ainda arrastamos sobre ela; para saber das agressons que padece, e das melhores maneiras de combater os expoliadores que estám a ameaçar a Galiza; para debater e formar-nos; e demonstrar que formas de vida anti-consumistas som possíveis. Por suposto, também apostamos pola diversom, mas procurando fugir do lazer encadeado ao dinheiro, à incomunicaçom e às drogodependências.

Programaçom do Acampamento 2010

  • Resumo 6ª feira 17 de setembro:

11:00h Roteiro pequeno por Forcarei. Dificuldade meia: 5 horas.

Percurso: Levoso ---> Outeiro Alto (676m) ---> Penas Longas (675m) ---> Aldeia de Liripio ---> Ermida de Sam Mauro ---> Rio Úmia ---> Aldeia de Quintáns ---> Levoso.

Imos darnos um banho, si queredes levade roupa para vos banhar.

14:30h Comida

16:00h Trabalhos na zona de campismo: Preparaçom do acampamento

20:00h Palestra sobre soberania alimentar com Henrique Banet da Fundaçom Galicia verde

22:00h Ceia23h Jogos

  • Resuma sábado 18 de setembro:

8:00h Alvorada

8:30h Almorço

9:30h Roteiro polo Rio Lérez. Dificuldade meia: 8 horas mas sem pendientes longas.

Percurso: Levoso ---> Duas Igrejas ---> Rio Lérez (550m)---> Andom ---> Mosteiro de Aciveiro (750m) ---> Rio Lérez ---> Duas Igrejas --->Levoso

Imos darnos um banho, si queredes levade roupa para vos banhar.

19:00h Apresentaçom da Fundaçom Galicia Verde

21:30h Ceia

22:00h Astronomia e foliada (traz o teu instrumento)

  • Resumo domingo 19 de setembro:

8:00h Alvorada
8:30h Almorço
9:30h Obradoiros de supervivência
12:00h Charla sobre a questom forestal na Galiza com Pedro Alonso
14:00h Comida
15:30h Trabalhos na zona de campismo: Recolhida do acampamento

Como anotar-se?

A dia de hoje podes anotar-te enviandonos um correio a aguaslimpas@gmail.com ou chamando ao 981 318 829. Fai-no quanto antes porque precisamos a listagem de asistentes para preparar as comidas. O preço das jornadas é de 20 Euros para afrontarmos gastos de comida e alojamento.

Também podes anotar-te nos centros sociais dos que publicaremos a listagem no nosso web. De momento atoparás esta listagem para te anotar no CS O Pichel de Compostela, na CS Revolta de Vigo, CS Sem um Cam de Ourense e no CS Madialeva de Lugo.

Comida

A comida corre a cargo da organizaçom salvo o jantar do roteiro da Sexta-féira. É necessário que cada quem leve o seu material para a comida: prato, copo, talheres, guardanapos... É mui importante ter umha garrafa para levar agua suficiente (1,5L por pessoa) para o roteiro e nom deshidratar-se.

Como chegar?

Desde A.M.A.L. recomendamos que, se já tes pensado vir ao acampamento, te organizes para vir tentando fazer o menor uso possível do carro. Si queredes ir em bici, Levoso (Forcarei) fica só a 60km de Compostela.

Podedes partilhar os carros, para levar os menos possíveis, e ainda melhor, fazer uso do transporte público. Aqui deixamos os horários dos autocarros que levam até Silheda. Alí faremos quedadas para recolher à gente. Para mais informaçom e para avisar de que te vaiam buscar, podes chamar a este número 627 161 646.

Compostela ---- Silheda
09:15 ------10:00
16:00* ----16:50
20:00 ------20:45
22:00* ----22:43
*Venhem desde A Corunha

Lugo ---------------- Silheda
06:45 ------------- 08:00
19:30 -------------- 20:55

Vigo ------- Ponte Vedra---------- Silheda
07:00 --------- 07:30 --------- 08:55
19:30 --------- 20:00 --------- 21:25

Que precisas?

Podedes consultar na nossa própria página (no lateral arriba) as entradas do "acampamento de montanha" dos anos passados ou as recomendaçons sobre o material clicando aquí. Se podedes, levade pantalons longos ou polainas para nos vos pinchar cos toxos e as silvas.

Por suposto, precisas tenda de campanha, saco de durmir e roupa de monte (apenas botas, prendas resistentes e mudas, deixa-te de marcas e consumo de logos comerciais). Nom te preocupes da comida, que disso já se encarrega a organizaçom. Ainda que che pareça mentira, nom precisas praticamente dinheiro, porque no monte consume-se pouco. Umhas poucas moedinhas por se precisas fazer umha chamada de urgência dum telefone público (no monte tampouco se precisa móbil).

Isso si: som obrigatórias as ganas de andar, de conhecer a nossa Terra e energias para contribuir a esta comunidade de resistência polo nosso país.

X Acampamento de Verao

Como todos os últimos fins de semana do verao, reunimo-nos num par de jornadas de convívio, caminhadas, lezer e conversa, que servirá...