8 de outubro de 2010

AMAL apoia o manifesto lanzado polo movimento ecologista galego: DEZ RAZÓNS PARA PECHAR AS TÉRMICAS DE CARBÓN

Manifesto:

DEZ RAZÓNS PARA PECHAR AS TÉRMICAS DE CARBÓN

As organizacións e persoas asinantes opómonos ao decreto estatal que favorece a queima de carbón español nas centrais térmicas, mais non porque prexudique as centrais de Meirama (GAS NATURAL FENSOSA) e As Pontes (ENDESA), que usan só carbón importado desde 2008. Rexeitámolo porque o carbón é o combustible fósil máis contaminante, o primeiro que habería que substituír. Por iso, non queremos en ningún lugar centrais térmicas que xeren electricidade sucia a partir de carbón. En Galicia tampouco. Eis dez boas razóns para pechar canto antes as centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama:

1. Son enormes fábricas de cambio climático. Con moita diferenza, son as centrais eléctricas máis intensivas en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas causante da mudanza climática, o problema socioambiental global máis preocupante, do que Galicia tampouco se libra. Durante 2009 emitiron 0,9 toneladas de CO2 por MWh de electricidade xerado, dúas veces e media máis que as centrais de ciclo combinado. O uso exclusivo de carbón de importación a partir de 2008, logo do esgotamento das minas situadas ao seu pé, diminuiu as emisións directas un 13%, pero incrementou as indirectas debidas ao transporte do carbón.

2. Incrementan a débeda de carbono. Unha débeda ignorada e non recoñecida, que contraemos cos países empobrecidos polo noso exceso de emisións de CO2 e outros gases causantes da crise climática, que ameaza sobre todo aos países máis desfavorecidos. As emisións anuais por habitante de Galicia (10,6 toneladas en 2008) son insustentables e moi superiores ás emisións medias mundiais. Durante 2008, último ano para o que hai datos oficiais, case o 25 % das emisións galegas procederon da xeración de electricidade con carbón, que foi a maior fonte de todas.

3. A minería de carbón pode ser moi destrutiva. A extracción de lignito nas minas das Pontes e de Meirama ten provocado un impacto brutal. Agora estamos a externalizar esa destrución, trasladándoa a países como Indonesia, un dos estados do mundo máis ricos en diversidade biolóxica.

4. Elevan a pegada ecolóxica. Coma o resto dos países chamados desenvolvidos, Galicia consome recursos naturais e xera residuos moi por riba do que lle correspondería pola súa poboación, axudando a exceder a biocapacidade renovable do planeta. A iso contribúen de xeito moi destacado as emisións de CO2 das centrais térmicas de carbón, parte de cuxa produción expórtase ao resto da Península Ibérica, co cal estamos a “importar” emisións de CO2 e outros impactos asociados ao consumo eléctrico fóra de Galicia.

5. Deterioran a calidade do aire. A pesar da diminución das emisións atmosféricas como resultado do uso de carbón de importación menos contaminante, non debemos perder de vista que as centrais térmicas de carbón seguen sendo as principais fontes en Galicia para varios contaminantes diferentes do CO2 con efectos a escala local. Durante 2009 superáronse valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para concentracións no aire de dous dos principais contaminantes nas áreas de influencia destas centrais: ozono troposférico (As Pontes) e partículas (Meirama).

6. A descarga e o transporte do carbón degradan o ambiente. Minimizar a exposición da poboación ás molestias asociadas á descarga do carbón para as térmicas foi un dos principais motivos invocados para a construción dos impactantes e custosísimos portos exteriores de Ferrol e A Coruña (separados a penas 17 km). A descarga do carbón en porto, e o seu transporte até as centrais (en camións, no caso das Pontes) xera contaminación atmosférica e acústica. A pesar da construción da “Medusa” no porto da Coruña para minimizar o impacto no aire das descargas de carbón, no barrio próximo dos Castros superouse durante 2009 o valor medio anual de presenza de partículas no aire recomendado pola OMS.

7. Acentúan a dependencia enerxética externa. Galicia depende moitísimo da importación de materias primas enerxéticas (máis do 99% destas son combustibles fósiles: carbón, petróleo e gas natural). Esta dependencia enerxética externa acentouse aínda máis desde que as térmicas usan só carbón de importación, pasando do 77,3% da enerxía primaria en 2007 ao 86,2% en 2008.

8. Son moi ineficientes. As centrais térmicas de carbón, responsables dun 15% do consumo de enerxía primaria en 2008, presentan un rendemento de tan só o 37% na transformación da enerxía primaria do carbón en electricidade. É dicir, consomen en forma de carbón perto de tres veces máis enerxía da que obteñen en forma de electricidade. Substituír totalmente a electricidade do carbón por electricidade renovable, ou incluso pola procedente de ciclos combinados a gas natural (cun rendemento do 50%), suporía un importante aforro de enerxía primaria.

9. Son innecesarias para atender o consumo eléctrico galego. As mudanzas operadas no “mix eléctrico” galego durante os últimos anos (crecemento da eólica, ciclos combinados) fixo que durante 2009 a electricidade xerada polas térmicas de carbón (7.433 GWh) fose só un pouco superior á exportada a Portugal e ao resto do Estado español (6.760 GWh). Para satisfacer só o consumo eléctrico galego, hoxe estariamos en condicións de prescindir a curto prazo das térmicas de carbón.

10. É mellor un modelo enerxético sen carbón. Se non se parte de visións condicionadas por intereses particulares e a curto prazo, estamos convencidos de que a opción enerxética máis vantaxosa desde o punto de vista social e ambiental é decrecer o consumo de enerxía e expandir as renovables de xeito respectuoso co territorio, de forma que poidamos prescindir canto antes dos combustibles fósiles, comezando polo máis sucio, o carbón. Canto maior sexa a achega do carbón, máis sucia e máis ineficiente será a produción de electricidade.

Se aspiramos realmente a unha Galicia sustentable e solidaria, non se pode defender calquera actividade económica e o emprego polo emprego, independentemente das consecuencias socioambientais a escala galega e global, e a curto e a longo prazo. Por suposto, é necesario considerar os prexuízos sociais que conlevaría o peche definitivo das térmicas de carbón e encaralos eficazmente a través de medidas de protección social, de formación e de xeración de alternativas sustentables de emprego. Estamos certos de que unha transición -xusta para os traballadores e traballadoras e para as comarcas afectadas negativamente- cara a un modelo enerxético sustentable, baseado no aforro e nas renovables, suporía grandes beneficios para o conxunto da sociedade, tamén no eido do emprego. Os intereses de dúas multinacionais enerxéticas, ou uns centos de empregos, non deberían ser un impedimento para pechar as industrias galegas máis insustentables.

Galiza, outubro de 2010

X Acampamento de Verao

Como todos os últimos fins de semana do verao, reunimo-nos num par de jornadas de convívio, caminhadas, lezer e conversa, que servirá...