GALIZA NOM SE VENDE: TODAS A COMPOSTELA O 17 DE FEVEREIRO!!!


Fai um clic enriba do cartaz para a ver de perto

PANFLETO DE GALIZA NOM SE VENDE PARA A MANIFESTAÇOM CONTRA A DESTRUCIÓN DO TERRITORIO:

Galiza no ano 2008

Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza.

O litoral galego está a sufrir un proceso especulativo de urbanización e privatización sen precedentes que destrúe a paisaxe e dana irreversiblemente os seus recursos pesqueiros e marisqueiros. A continua construción de recheos, que, as máis das veces, costituen terreo de valde para empresas que nada teñen que ver co mar, e a artificialización da costa únense a uns niveis de contaminación nunca ata agora rexistrados nas nosas rías e a un Plan de Portos Deportivos absurdo que pretende crear en Galiza máis amarres que os que ten todo o longo litoral oeste de Italia, multiplicando por catro os que existen en Francia por cada quilómetro de costa: Privatización do que é de todos para disfrute e negocio duns poucos.

A esa desfeita temos que unir un Plan Acuícola devastador que significa a destrución de centos de hectáreas das zonas mellor conservadas do noso litoral para a construción de múltiples e enormes piscifactorías, para maior gloria e proveito de dúas empresas transnacionais.

Os nosos ríos viven un proceso de degradación e sobre explotación hidroeléctrica que se suma ao abandono total dos montes e o rural: eucalipto e lume. Estes últimos son ademais víctimas dun desaforado Plano Eólico que ameaza con non deixar un só cumio sen muíños aeroxeradores. E todo isto nun país que exporta máis do 40% da enerxía eléctrica que produce e que ten dúas das centrais térmicas máis contaminantes de Europa.

Todos estes Plans (piscifactorías, portos deportivos ou parques eólicos), non significan ningunha mellora para a cidadanía. Xeran un número ridículo de postos de traballo e a riqueza que producen vai parar só aos petos das grandes empresas, dos grandes capitais, sen repercutir practicamente nada no tecido económico e social do país. Pero si destrúen, degradan e usurpan o que é de todas e todos nós: o medio ambiente, os recursos naturais, a paisaxe e o territorio.

Outro destes Plans da Xunta, o da Minaría, é un triste modelo de espolio e híper explotación do territorio. Significa, ademais, a destrución dun dos nosos tesouros naturais máis valiosos e máis queridos, un tesouro que chegara intacto ata nós: A Serra do Courel. Pero tamén a Terra Cha e moitas outras comarcas de Galiza sufrirán as súas consecuencias.

Un rosario de industrias perigosas segue a espallarse polo país.

Reganosa, na Ría do Ferrol, é un exemplo paradigmático de temeridade, irresponsabilidade e desprezo pola cidadanía. Ence segue, ano tras ano, contaminando gravemente a Ría de Pontevedra. O proxecto de Parque de Residuos no Ribeiro sinala o rumbo polo que nos queren levar. E a lista podería seguir e seguir. Beneficios para uns poucos e inseguridade, lixo e destrución para tod@s.

De xeito continuista, o modelo de transporte e de mobilidade que se está a fomentar é o do vehículo privado diante dun transporte público actualmente misérrimo por non dicir inexistente. A construción de máis autovías e vías de alta capacidade está a supor un meirande impacto no territorio e o uso do automóbil privado máis emisións de gases de efecto invernadeiro á atmósfera, en detrimento do transporte colectivo, o peonil e a bici, moito máis racionais e respetuosos co medio.

Quen vexa o ridículo mapa dos ferrocarrís de Galiza e o compare co de calquera outra rexión da Europa desenrolada (incluído o Estado español) será presa dunha serie alternativa de risas e bágoas compulsivas: Catro raias mal trazadas constitúen toda a nosa “rede ferroviaria”. Lonxe de tentar remedialo, agora queren vendernos (como abelorios aos indios) o AVE como solución. Un negocio tamén destrutor do territorio que de ningún modo solucionará o problema da vertebración do país.

Por se todo isto fora pouco, os Concellos das nosas vilas e cidades andan a debuxar Plans Xerais de Ordenación que, lonxe de pretender mellorar a calidade de vida da cidadanía, consisten en ver quen constrúe máis. Un alarde de urbanismo salvaxe que na maioría dos casos pretende duplicar, senón máis, o número de habitantes nun prazo de dez ou quince anos. Pouco ou nada se fala neses planos de servizos, transporte público, depuradoras... Construír e destruír a contorna rural é o lema, atendendo a non se sabe que absurda previsión de crecemento demográfico.

Coa coartada da ampliación da Rede Natura 2000 baleirouse de contido todo o sistema anterior de espazos protexidos. Así, e só na provincia de Pontevedra, máis de 20.000 hectáreas de solo perderon toda a protección anterior. O patrimonio histórico, os nosos petroglifos, mámoas e monumentos líticos son presa da destrución máis feroz.

A legalidade urbanística e medioambiental é sistematica e impunemente vulnerada coa complicidade das distintas administracións, cando non pola súa propia actuación e iniciativa. O país reborda de obras, actuacións e proxectos ilegais protexidos e bendicidos polos nosos gobernantes. As sentencias firmes de derrubo, mesmo as do Tribunal Supremo, nunca son executadas, aumentando a sensación de impunidade de uns e a de burla e desprezo á cidadanía.

E que dicir da clase política: Silenciosos, cómplices e coautores da catástrofe. Uns e outros, todos eles, préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan aos seus partidos e subornan as ideas que din representar. Por iso, coa voz dos seus amos, pretenden enganarnos con palabras como progreso, desenrolo, crecemento... engadindo sempre, como unha xaculatoria hipócrita, a palabra “sostible”. En realidade o crecemento é só para aqueles que lles pagan. Os recursos de Galiza (e os do planeta) son limitados, e esta carreira de depredación e espolio é un camiño que non leva a ningures. Ou que leva só a hipotecar o futuro dos nosos fillos e á miseria das próximas xeracións.

Quedamos só nós, as cidadás e os cidadáns, para defender unha vez máis esta Terra da desfeita programada. Temos que recuperar o espírito das vellas xestas para amosar que aínda mantemos intacta a dignidade de pobo que non quere morrer.

Hoxe, máis que nunca, Galiza precisa de ti, da túa voz e da túa forza.

Xuntos e firmes estaremos o 17 de febreiro en Compostela para defender a nosa paisaxe, a nosa natureza, a nosa identidade e a nosa forma de vida. Xuntos e firmes, baixo o sol ou baixo a chuvia, será un domingo radiante de esperanza para a terra dos nosos pais e dos nosos fillos, para a vida futura e, por que non dicilo tamén, para o noso ameazado planeta.


GALIZA NON SE VENDE

Articles les plus consultés